Despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia, a agrupación socialista de Santa Comba volveu a celebrar ao grande a súa xa tradicional e esperada Festa do Cocido, un acto gastronómico e de reunión de militantes e simpatizantes que nesta edición bateu todos os récords de asistencia, congregando no restaurante Rafael a máis de 150 persoas.
Pesos pesados do partido como Hana Jalloul, Secretaria de Política Internacional e Cooperación, Bernardo Fernández Piñeiro, Secretario Xeral Provincial e Antonio Leira, Deputado Provincial, quixeron arroupar ao equipo socialista e poñer en valor o excelente traballo levado a cabo nestes meses polo carismático candidato á alcandía Alberto Romar, destacando a importancia dos logros alcanzados e proxectando as boas sensacións e a ilusión que se está xerando para unha posible maioría absoluta nas próximas eleccións municipais do mes de maio.
A ocasión festiva tamén foi o escenario dunha sentida homenaxe cara á figura da actual concelleira Blanca Ruzo, que deixará a política activa tras unha traxectoria de máis de vinte anos na que foi un referente comarcal nos ámbitos do voluntariado e o asociacionismo civil grazas ao seu extraordinario e admirado espírito solidario.