China e India compran o petróleo ruso que non quere Occidente


O petróleo ruso seguirá financiando a invasión de Ucraína. Aínda que o diñeiro para compralo xa non provén principalmente de Occidente, senón de Asia. China e India están a comprar, aínda que a prezos moi rebaixados, o petróleo que outros países xa non adquiren polas sancións impostas tras o inicio da guerra. Esta circunstancia, xunto coa subida dos prezos, levou a Rusia a ter uns ingresos estimados de 20.000 millóns de dólares por exportacións de petróleo en maio, 1.700 millóns máis que en abril, segundo a Axencia Internacional da Enerxía (AIE). As importacións chinesas de petróleo ruso aumentaron un 28% en maio, o que contribuíu a que Rusia superase a Arabia Saudita como maior provedor de China. Segundo a axencia de estudos de mercado Kepler, India enguliu ata o de agora uns 60 millóns de barrís de petróleo ruso en 2022, fronte aos 12 millóns de barrís de todo 2021. As exportacións indias de produtos petrolíferos, como o gasóleo, aumentaron un 20% desde que comezou a invasión de Ucraína, e preto do 20% envíase a través de Occidente.