China ‘entende’ as razóns de Rusia en Ucraína


O primeiro encontro entre o presidente ruso Vladimir Putin e o seu homólogo chinés Xi Jinping desde o estalido da guerra en Ucraína resolveu as dúbidas sobre a posición de Pequín no conflito: China “entende” as razóns de Rusia para lanzar a súa chamada “operación militar especial”. “Apreciamos moito a posición equilibrada dos nosos amigos chineses en relación coa crise ucraína”, celebrou Putin.

O presidente de Rusia desvelou a Xi parte da mensaxe que lle transmitirá este venres durante a reunión da Organización de Cooperación de Xangai (OCS). “Os intentos de crear un mundo unipolar adquiriron recentemente unha forma absolutamente fea e son completamente inaceptables.” A resposta de Xi ás críticas a un mundo dominado por Estados Unidos, co que mantén fortes tensións por Taiwan, foi totalmente clara: “Fronte a un mundo, unha época e unha historia en constante cambio, China está disposta a esforzarse con Rusia para asumir o papel de grandes potencias e desempeñar un papel de guía para inxectar estabilidade e enerxía positiva nun mundo sacudido pola axitación social.”

O presidente ruso tamén mantivo reunións bilaterais con outros líderes da OCS. A Organización, que naceu coa idea de contrarrestar a influencia de Estados Unidos no mundo, conta con 8 membros, ademais de observadores e convidados.