China iniciou manobras militares ao redor de Taiwan tras a visita de Pelosi

1 minutes read

China iniciou este mércores manobras militares preto de Taiwan, tal e como anunciou tras a aterraxe da presidenta da Cámara de Representantes de Estados Unidos, Nancy Pelosi, na illa autogobernada reclamada por Pequín. O ministerio de Defensa taiwanés advertiu da presenza de 27 avións chineses na súa zona de defensa aérea, dos cales 22 cruzarían a liña media que separa a illa do xigante asiático. Está previsto que os exercicios duren ata o domingo. Segundo un mapa facilitado pola axencia de noticias chinesa Xinhua, unha das áreas nas que levarán a cabo as prácticas está a uns 20 quilómetros da costa de Kaohsiung, a principal cidade do sur de Taiwan. Pola súa banda, Taiwan condenou «enerxicamente» a manobra iniciada por China, á que acusa de «violar gravemente» os seus «dereitos e soberanía territorial».