China viviu durante esta fin de semana as protestas con máis repercusión en anos. As manifestacións contra as restricións impostas polas autoridades dentro da súa estratexia de ‘COVID cero’ estendéronse a importantes cidades como Pequín, Shanghái, Wuhan ou Nanjing, e a outras localidades menores no sur.
A Policía realizou varias detencións durante a fin de semana, e este luns as autoridades xa tomaran medidas para evitar que se reproducisen as protestas. Por exemplo, colocando valos nas principais vías onde houbo concentracións de persoas. En Shanghái, a policía revisaba os teléfonos da xente en busca de imaxes das protestas. Pero a represión de Pequín ten agora dimensións internacionais. Tras a detención dun xornalista da BBC, un segundo reporteiro internacional foi retido.
As manifestacións estendéronse por todo o país durante varias noites. Unha protesta que se iniciou contra as estritas medidas de confinamento, pero que se foron convertendo nunha crítica ao goberno autoritario do presidente Xi.