O Pavillón Vila de Noia acollerá este sábado 13 de decembro ás 20:00h un novo e crucial partido que enfrontará a dous rivais directo, o CALVO XIRIA con 15 puntos e o GRANITOS IBÉRICOS CARBALLAL con 16 puntos. Este choque será vital para os dous equipos na súa loita por afianzarse na zona media-alta da táboa de clasificación.
O Calvo Xiria chega a este enfrontamento coa moral alta, grazas á súa recente vitoria a domicilio en Canarias ante o BM Ingenio, despois dunha remontada na segunda metade do partido, e o empate no derbi contra o Lalín na casa. O equipo carballés está a facer do Vila de Noia un fortín, onde suma vitorias importantes ante equipos como o Teucro e o Reconquista, e busca agora sumar un novo triunfo ante un rival directo. O Xiria, que alterna xogadores expertos con xogadores recén saídos da canteira, ten na súa velocidade e na eficacia da súa defensa as súas principais armas, sendo clave a súa capacidade para manter a intensidade nos momentos decisivos.
Pola súa banda, o Granitos Ibéricos Carballal está a realizar unha boa tempada, demostrando ser un equipo moi sólido no seu pavillón e moi competitivo fóra. Os vigueses veñen de gañar ao BM Culleredo na casa, pero tamén de sufrir unha derrota clara ante o Valinox Novás. O Carballal destaca pola súa solidez defensiva e un xogo táctico ben definido, o que lles permitiu vencer a equipos como o Bueu e o Gáldar. Chegan a Carballo co obxectivo de rachar a igualdade na táboa e afianzar a súa posición na zona tranquila.
Este derbi autonómico promete ser un encontro moi disputado, no que o Calvo Xiria buscará apoio no factor Vila de Noia e no apoio da súa afección. A clave para os de Carballo residirá en neutralizar o xogo posicional do Carballal e en manter o seu alto nivel de acerto ofensivo. Se o Xiria consegue impor o seu ritmo de xogo e minimiza as perdas de balón, terá moitas opcións de conseguir dous puntos vitais que o asentarían na parte alta da clasificación.