“Cicl-Ando Carballo” consegue os fondos europeos solicitados para o proxecto


O alcalde deu a coñecer este venres a boa nova, despois de transmitirlla tamén aos voceiros e voceiras dos grupos da oposición. Evencio Ferrero estivo acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes. O alcalde expresou a súa satisfacción pola concesión do máxipo posible, 1.713.295 euros, o 80% do total do proxecto, e lembrou que o Concello de Carballo xa conta con experiencia na xestión de fondos europeos, que tamén se conseguiron para a construción do Fórum e para a captación do Bardoso. Nesta ocasión hai 30 meses de prazo para converter “Cicl-Ando Carballo” nunha realidade.

O proxecto inclúe, por unha banda, a creación dunha rede de sendas ciclopeonís constituída por 9 treitos diferentes:

  1. Continuidade da senda da avenida de Bértoa ao polígono industrial, dende o treito que está a executar o Concello de Carballo para darlle continuidade polo interior do polígono ata a zona do complexo deportivo das Eiroas, o parque de bombeiros e centro social en construción. Serán 920 metros.
  2. Conexión do polígono industrial coa estrada de Razo: 805 metros.
  3. Conexión do carril bici existente na avenida de Razo co da avenida de Malpica: 1.950 metros.
  4. Mellora do carril bici xa existente entre as rúas Poñente, Fábrica e avenida de Malpica, no que, ademais, introducirase arborado: 1.499 metros.
  5. Conexión do centro urbano co colexio Artai, que tamén estará enlazado coas sendas de Razo e do polígono: 867 metros.
  6. Senda ciclo-peonil de regreso complementaria ao carril bici da avenida de Razo: 1.492 metros.
  7. Senda cicloturística Carballo-Razo: 7.326 metros.
  8. Conexión do centro urbano coa senda ciclo-peonil da avenida de Bértoa: 531 metros.
  9. Senda perimetral do polígono industrial de Bértoa, para dotar á zona verde dun itinerario lúdico-deportivo que enlaza co centro urbano e co resto da rede ciclista: 2.195 metros.