O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou Carballo para coñecer as actuacións que se están a desenvolver dentro do proxecto Cicl-Ando, co-financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), e que cualificou como un exemplo dos investimentos do Goberno do Estado para unha Galicia “dixital, verde, inclusiva e igualitaria”.
Realizou un percorrido por algunhas das nove sendas ciclo-peonís que se están a construír dentro do proxecto Cicl-Ando Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, vinculou este investimento ás políticas de mobilidade sostible promovidas polo goberno municipal de Carballo e aproveitou a ocasión para reivindicar a capacidade dos concellos para xestionar fondos europeos, como se ten demostrado no noso concello non só con este proxecto, senón tamén con outros.
José Miñones referiuse tamén ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que chega a Carballo a través do Plan de Extensión de Banda Ancha que impulsa o Ministerio para Asuntos Económicos e Transformación Dixital e que beneficia, segundo comentou, a 55 núcleos de poboación do rural do concello. «No Goberno traballamos convencidos do papel das administracións locais na construción desta Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria que materializaremos cos fondos europeos», expuxo Miñones.