A Cidade da Cultura despediu 2022 superando o millón de visitas e coa cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano, un máximo que se acadou precisamente durante a celebración do décimo aniversario do Museo Gaiás. Co obxectivo de levar os seus contidos máis alá de Santiago de Compostela e ampliar o público que pode acceder a eles, as mostras exhibíronse non só nos espazos da Cidade da Cultura, senón tamén nunha decena de centros e museos doutras localidades.
Péchase así un exercicio no que un dos fitos foi a posta en marcha do Edificio Fontán. Só un ano despois do remate das obras, son xa 130 persoas -entre persoal técnico e investigador- as que traballan nas institucións residentes: o Consello Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) ou o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. Está previsto que este número continúe a medrar ata chegar aos douscentos traballadores.
Máis alá da actividade ordinaria desenvolvida polas institucións residentes, as instalacións do Fontán -entre as que se conta o maior auditorio da Cidade da Cultura – acolleron un total de 112 eventos (congresos, seminarios, foros…), nos que participaron máis de 11.000 persoas, números que dan conta do grao de actividade desta nova infraestrutura dedicada a impulsar a calidade do sistema universitario galego e os estudos do patrimonio.
O balance cultural de 2022 péchase cun total de 200 actividades e máis de 190.000 asistentes, datos que acreditan como o número de participantes no programa do Gaiás se duplicou na última década.