- O contido das aulas, no que participan investigadores do campo da astrofísica encabezados polo catedrático Jorge Mira, estará dispoñible en liña a partir do vindeiro 31 de marzo
Esta venres quedou oficialmente inaugurada a primeira xornada da iniciativa ‘A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate’, unhas aulas científicas organizadas polo Concello de Cabana en colaboración coa Deputación da Coruña. Os contidos estarán dispoñibles nas páxinas web das institucións a partir do vindeiro 31 de marzo.
A ciencia, a astronomía e as estrelas foron as protagonistas indiscutibles nesta xornada inaugural. A actividade estase a realizar durante os días 26 e 27 de marzo desde o recinto do Dolmen de Dombate, na parroquia de Borneiro. Na inauguración das aulas estivo presente o alcalde de Cabana, José Muíño; o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas; o catedrático en física aplicada da USC, Jorge Mira; o experto en astronomía e astrofísica Borja Tosar; e o investigador do INCIPIT – CSIC César González García.
Borja Tosar abriu o ciclo de actividades esta tarde con ‘Cousas e movemento do ceo’, onde ofreceu varias claves coas que entender o noso firmamento. Este sábado clausuraranse as xornadas coas actividades ‘Busca dos puntos de último solpor da Europa Continental’, dirixida por Jorge Mira; ‘O camiño do sol a través da paisaxe’, que comandará o biólogo Fernando Rey Daluz; e a mesa redonda ‘Posibilidades de desenvolvemento vinculadas á observación astronómica na Costa da Morte’, que contará co xornalista Santiago Garrido Rial.
O rexedor cabanés agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña na organización dunhas xornadas nas que queda «patente que Cabana ten moito potencial de cara a promoción cultural e turística no eido astronómico”, engadiu.