Ciencia e humor en ‘Diálogos de plástico’ para concienciar sobre a contaminación

UCGAL

  • A actividade, de entrada libre, celebrarase o 21 de novembro na Sede Afundación en Santiago

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Mercadona organizan, no marco do convenio de colaboración que ámbalas dúas entidades manteñen desde hai anos, un faladoiro no que se reflexionará sobre a problemática dos plásticos combinando ciencia e humor. A reunión, titulada Diálogos de plástico, contará con Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía e experto en lixo mariño, e Xosé Antonio Touriñán, actor e humorista, e será conducida polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega.

O obxectivo desta actividade é abordar o impacto que teñen os plásticos na vida cotiá das persoas e fomentar a educación ambiental e científica. Debaterase sobre a presenza deste material no sector da alimentación e as alternativas que están xurdindo nese eido, a prohibición de utilizar microplásticos en produtos cosméticos ou a taxa que se lle aplica aos plásticos dun só uso. Temas que serán tratados dunha forma entretida e rigurosa, chamando á participación do auditorio.

Diálogos de plástico celebrarase o vindeiro xoves 21 de novembro, de 20:00 a 21:00 horas na Sede Afundación en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19). A entrada será libre ata completar a capacidade do salón. Ademais, o coloquio será gravado e emitirase no programa Efervesciencia do próximo mércores 27 de novembro.

A actividade enmárcase no compromiso que a UCGAL e Mercadona adquiren coa defensa e difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Para a súa posta en marcha contan coa colaboración do programa Efervesciencia da Radio Galega e o Instituto Español de Oceanografía.