Ciencia e poesía uníronse no IES Maximino Romero de Lema grazas a Estíbaliz Espinosa

1 minutes read
  • A divulgadora científica lembrou a varias mulleres que foron silenciadas por facer ciencia noutra época

O IES Maximino Romero de Lema (Zas) recibiu este pasado mércores a Estíbaliz Espinosa, escritora, filóloga, e divulgadora científica entre outras.

Precisamente o motivo da súa visita foi o Día da Ciencia en Galego, e no que convidada e alumnado reflexionaron sobre a conxunción da poesía e da ciencia, destacando que «ambas nacen da necesidade de explicar o noso mundo, o lugar no que nos atopamos», afirmou a escritora. Ademais, fixo fincapé na importancia de non perder nunca a curiosidade e fuxir das redes das pseudociencias que «tan estendidas están nos nosos días».

Espinosa aproveitou para introducir ás «Sete constelacións que xa non son invisibles», un grupo de científicas silenciadas no seu tempo por facer ciencia nun mundo masculino, entre as que destacan a poetisa e astrónoma Wang Zhenyi, Jocely Bell Burnell ou a galega Antonia Ferrín Moreira, autora da primeira tese en astronomía defendida por unha muller en España.