Científicos italianos logran illar o «coronavirus de Wuhan»

dpm.

Científicos italianos ven máis preto a solución ao problema, illaron o «coronavirus de Wuhan» co fin de desenvolver unha vacina para o seu tratamento. Os virólogos chegaron a esta situación en menos de 48 horas, tras o diagnóstico positivo dos dous primeiros casos de persoas contaxiadas que se detectaron en Italia. Trátase de dous turistas chineses.

«Illar o virus significa que teremos moitas máis oportunidades de estudalo, entendelo e probar de maneira máis eficaz os medios desenvolvidos para poñer en práctica, co fin de conter a súa propagación. Todo o noso coñecemento e as imaxes do virus, illado, van ser compartidas de maneira inmediata coa comunidade internacional», declara Roberto Speranza, Ministro de Saúde de Italia.

O paso dado polos centíficos é fundamental porque lles vai a permitir afinar os métodos de diagnóstico. «O feito de ter o novo patógeno dispoñible nos laboratorios vai facilitar moito o estudo dos mecanismos da enfermidade para desenvolver tratamentos e unha vacina», explican os virólogos.

Ante o imparable avance do ‘coronavirus de Wuhan’ as autoridades loitan sen descanso e de maneira conxunta para tratar de dar coa solución ao problema. Investigadores da Universidade de Macao intensificaron o desenvolvemento dun sistema baseado nun chip microfluídico dixital para axudar a facer fronte á epidemia. Coa axuda dun kit desenvolvido con tecnoloxía patentada da universidade, todo o proceso de detección do virus pode ser completado en apenas media hora.