CIG-SAÚDE acusa á Xunta de dar información falsa do brote do centro médico de Vimianzo


Tras a información difundida pola Xerencia da área sanitaria de A Coruña-Cee, afirmando que o brote do centro de saúde de Vimianzo se debe a un “contaxio na sala de descanso”, así como que “as persoas que non son asiduas a esta sala non manifestaron sintomatoloxía ou directamente deron negativo”. CIG-SAÚDE Coruña desminte, tras ter falado cas/os profesionais do centro, estas dúas informacións, xa que ningunha das dúas concordan co ocorrido no centro.

De novo, ante a imposibilidade de “filiar” o contaxio nun centro, se alude á falta de precaución por parte das/os profesionais, culpabilizándoos da transmisión do virus, tachándoos de irresponsables fronte a poboación do concello.

Para a CiG-SAÚDE “estas declaracións son inaceptables, dando ademais á poboación unha imaxe errónea da actividade que realizan as/os profesionais do centro, afirmando que “apenas” se realiza consulta presencial, cando isto non é así e se pode demostrar nas axendas das/os profesionais, acudindo unha media diaria, na semana pasada, de 150 persoas ao centro”.

Días previos ao contaxio as/os profesionais do centro xa alertaban da alta carga de traballo que tiñan, mais non só non se lles deu solución e se seguiu sobrecargando, senón que agora se transmite á poboación unha mensaxe de profesionais que non atenden e se contaxian na sala de descanso.

Desde A CIG-SAÚDE pregúntanse “ata cando a Xerencia vai seguir culpabilizando aos profesionais da falta de recursos na atención primaria, falta de EPIs axeitados, de contaxios que non saben como se produciron”. Ademais esixe da Xerencia unha desculpa pública, xa que as/os profesionais que están a prestar servizo no centro de saúde de Vimianzo non merecen este escarnio público.