- A Deputación da Coruña levará este venres a pleno a aprobación dun convenio marco cos concellos da Laracha, Cabana, Carballo, Coristanco e Ponteceso.
O río Anllóns, que conta con máis de 54 quilómetros e que vertebra á comarca de Bergantiños, será o eixo central de todas as iniciativas que se leven a cabo a través deste proxecto, relacionadas co sendeirismo, a interpretación da natureza ou o patrimonio, entre outras.
O obxectivo desta unión é agrupar os medios persoais e materiais e os recursos económicos das corporacións locais participantes co fin de promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arquitectura tradicional e da paisaxe do río Anllóns.
A formalización deste convenio, que ten unha duración inicial de 4 anos, é un dos primeiros pasos para que o proxecto se faga realidade. As súas bases detallan o procedemento a levar a cabo para a xestión conxunta do Proxecto, para o que deberá redactarse unha memoria e un plan director.
O espazo de cooperación estará impulsado e dirixido a través dun órgano colexiado que se denominará Consello de Dirección e que estará formado por dous representantes de cada unha das corporacións participantes, incluída a Deputación da Coruña, que prestará tamén apoio administrativo, asesoramento xurídico e económico.