Cinco contaxiados polo coronavirus no Valencia CF

1 minutes read

O central valencianista Garay, que se está a recuperar dunha rotura de ligamentos, converteuse no primeiro xogador da Liga en dar positivo por coronavirus. Pouco despois desvelouse que os seus compañeiros Mangala e Gayá tamén están infectados ao igual que o delegado do equipo Paco Camarasa e un integrante do corpo médico.

Horas antes, o Alavés anunciara o contaxio de dous membros do seu corpo técnico. Curiosamente os dous equipos enfrontáronse na pasada xornada en Mendizorroza, aínda que non participaron nin Garay nin Mangala.

Mentres en Segunda, o Elche deu a coñecer que o seu dianteiro Jonathas tamén se encontra afectado polo virus. Dase a circunstancia de que o brasileiro incorporouse ao equipo no mercado invernal.

A enfermidade estase a propagar por todo o continente. En Italia son nove os xogadores que deron positivo, cinco deles da Sampdoria de Claudio Ranieri.

A Premier tampouco escapa á pandemia e o adestrador do Arsenal, o español Mikel Arteta, e o dianteiro do Chelsea, Hudson Odoi tamén se encontran infectados. As dúas Ligas, ao igual que a española, están suspendidas.

Alleos a todo esto, en Australia continúa a competición aínda que con críticas desde distintos sectores para que se pare a Liga.

O mesmo sucede en Brasil, onde nas últimas horas asistiron a dous feitos inauditos. A disputa dun partido do Flamengo en Maracaná a porta pechada e a saída ao campo dos xogadores do Gremio con máscara en sinal de protesta pola disputa do encontro.