Desarticulouse un grupo criminal asentado en Lugo especializado en estafas mediante o método do phishing bancario. Foi unha operación do equipo da Garda Civil especializado en ciberdelincuencia da Coruña.
Hai cinco detidos, nunha operación que se remonta a novembro despois das denuncias presentadas por varios afectados en Oleiros, Sada e Arteixo.
Os detidos recadaban os datos bancarios mediante mensaxes sms nas que lles suplantaban a identidade e pedían que se premera nun enlace. Obtidos os datos realizaban transferencias a empresas de xogo en liña e obtiñan tarxetas virtuais que usaban para sacar efectivo.
A cantidade estafada ascende a 11 mil euros. Entre os detidos hai un veciño de Barreiros e dous de Lugo, que facían os calotes mediante o método denominado phishing, e dous máis da área periurbana de Lugo que se encargan de obter o efectivo.
Están acusados dun delito de estafa e outro de intrusión informática. As investigacións aínda continúan para determinar se hai máis implicados.