Cinco dos principais contratos de ambulancias do 061 quedaron desertos

3 minutes read
O sector do transporte sanitario urxente da Galiza confirma os seus peores presaxios. Cinco dos principais contratos do servizo de transporte sanitario urxente do 061 xa ficaron desertos, o que deixa as comarcas galegas máis poboadas e con maior demanda sen ofertas novas para cumprir un convenio máis exixente.
Según o voceiro da CIG-Transporte, a responsabilidade é do PP e da Xunta da Galiza, a quen acusa de “mutismo”, que no verán de 2023 anunciaron “un concurso extraordinario con moitos recursos” para o outono que chegado febreiro “non se concretou en ningunha realidade”. “O concurso público do transporte non urxente non saíu aínda e a metade do urxente quedou deserto”.

As centrais sindicais xa o advertiran: a falta dunha dotación económica suficiente para cubrir os custos reais ameazaba con deixar desertos algúns dos principais contratos do transporte sanitario urxente do 061 na Galiza. Este luns, CIG, UXT, CCOO e USO confirmaron nunha rolda de prensa conxunta a decisión dalgunhas das principais empresas xestoras deste servizo no territorio de non concorreron ao concurso público que Xunta lanzou en decembro e cuxo prazo finalizou o pasado venres. As centrais sindicais, conclúen que, como previron, ante a escueta xestión da Xunta de Galicia, e o pouco presuposto do que dotan este servicio, contratos prioritarios dalgunhas cidades galegas quedaron desertos, pondo en perigo os cidadáns o ter que aumentar os tempos de espera e servizos ante unha emerxencia.

Dos 13 lotes que se licitaban cinco non recibiron ningunha oferta, o que deixa as comarcas do Baixo Miño, Vigo, Pontevedra, O Salnés e A Coruña nunha situación aínda máis precaria, cos contratos anteriores prorrogados e sen orzamento suficiente para atender as exixencias do novo convenio. Segundo destacou o voceiro da CIG-Transporte, Xesús Pastoriza, as áreas cuxos contratos ficaron baleiros son as máis poboadas e tensionadas da Galiza, sen ambulancias nin persoal suficiente para atender as necesidades da poboación. “En Vigo traballan constantemente ambulancias do lote do Baixo Miño e na Coruña, ambulancias de Carballo e da Costa da Morte. O único que fan é tapar un furado ao tempo que abren outro”, sinalou o sindicalista.

Faltan ambulancias e persoal

Todas as organizacións sindicais deixaron constancia da súa preocupación pola situación na que queda o sector e do malestar do colectivo de traballadores, que ve como o comprometido no V Convenio do sector das ambulancias asinado en outubro se vai demorar. Unha parte moi importante da negociación colectiva está vinculada á licitación pública. Isto significa que os incrementos salariais e as melloras laborais pactadas dependen dun concurso ban dotado, con recursos económicos, materiais e humanos suficientes para o cumprimento do servizo. Ademais, ao non se asinar en tempo os novos contratos, queda no aire o pagamento das cantidades que se deberían de abonar xa entre abril e xuño deste ano.

Os sindicatos alertan dun aumento da conflitividade e non descartan mobilizacións. As demandas qu onte puxeron sobre a mesa non son novas. Hai anos que veñen reclamando máis recursos ante o aumento exponencial de servizos e carga de traballo, que dispara as baixas. Neste sentido, Pastoriza destacou que nos pregos da Xunta “volven aparecer ambulancias low cost, cun único técnico, que en moitas ocasións requiren a presenza dunha segunda ambulancia porque teñen dificultades para mobilizar o paciente”. A infradotación dos contratos actuais segue a tendencia dos anteriores, denuncian, sen planificación nin valoración previa do carácter das emerxencias. Unha mellora substancial, social e laboral, dos servizos urxentes requiriría unha suba de entre 20 e 25% “e ningún contrato chega a 20%”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?