Cinco empresas ofertan para executar as obras do ‘by-pass’ no río Anllóns, en Carballo


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 5 ofertas de empresas para executar as obras do ‘by-pass’ no río Anllóns na zona de Muíño do Quinto, en Carballo, que suporán un investimento de máis de 282.000 euros. Esta intervención ten como obxecto mellorar a capacidade hidráulica do río ao seu paso por este emprazamento. O investimento global superará os 331.300 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias para a realización dos traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses.

Esta actuación está incluída entre as previstas pola Xunta para reducir o risco de inundacións neste río, ás que se destina un investimento global de 3 millóns de euros, no marco do convenio de colaboración co Concello de Carballo para desenvolver os proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns.

O proxecto obxecto de contratación permitirá executar as obras de apertura dunha canle trapezoidal que posibilite derivar caudal en períodos de avenida. Para iso tense deseñado unha rasante lixeiramente máis elevada respecto á canle, para que en réxime natural o río circule polo seu leito pero que, cando se produza un desbordamento, a auga poida ser canalizada pola canle de derivación que se vai a construír.

Para poder levar a cabo esta actuación é necesario crear un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle. Este aspecto resolverase coa construción dun marco in situ de formigón armado. Ademais, a senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, polo que se ten proxectada a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

Máis concretamente, o proceso construtivo consiste, primeiramente, en realizar o marcado da zona expropiada e levar a cabo as tarefas de roza e retirada de elementos que se atopen situados na zona de traballo. Unha vez preparada a zona de obra, comezarase co movemento de terras executando a canle do’ by- pass’, tanto augas arriba como augas abaixo, mantendo o camiño asfaltado en servizo ata o fina, xa que esta calzada servirá de zona de paso para a maquinaria durante as obras.

Paralelamente, irase executando a pasarela de madeira que dará continuidade á senda fluvial que transcorre pola marxe esquerda do río Anllóns, xunto coa senda fluvial que será necesario repoñer. Unha vez finalizado o movemento de terras, actuarase na calzada.

Demolerase o pavimento e realizarase a escavación ata a cota de cimentación. Realizarase o saneo da zona de apoio, colocarase o xeotéxtil e o formigón de limpeza sobre a que asentarán os marcos.

O marco executarase in situ e unha vez finalizado, disporanse os recheos do trasdós, estenderase o pavimento e colocaranse os elementos de sinalización, balizamento e defensas. Inclúese ademais, unha partida de estendido de zahorra para a reposición dun camiño municipal que dará acceso ás parcelas que verán interrompido o seu acceso pola construción da canle.