Cincuenta e seis microempresas e autónomos de Camariñas recibirán as axudas do PEL Reactiva

1 minutes read

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a resolución do programa PEL Reactiva no Concello de Camariñas, dirixido aos autónomos e microempresas que sufriron as consecuencias da declaración do Estado de Alarma, e do que se beneficiarán un total de 56 empresas do municipio.

Os adxudicatarios deste plan de axudas, cofinanciado pola Deputación da Coruña nun 80%, recibirán entre 1.500 e 3.000 euros, segundo a puntuación concedida. Así, repartirase o 100% do orzamento destinado para este fin, que era de 102.500 euros.

Agora, tal e como se recollía nas bases reguladoras, cada beneficiario deberá xustificar os gastos subvencionables antes do 31 de marzo. Posteriormente a esta data procederase á resolución final e ao abono do importe da cantidade concedida. Antes, e ata o 10 de febreiro, poderase presentar renuncias, alegacións ou emendas á concesión provisional.

Un dos requisitos para poder xustificar esta axuda é o de estar de alta ata o 31 de marzo de 2021, por conta propia ou no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, ou ter rexistrada a empresa, mantendo a mesma forma xurídica anterior ao Estado de Alarma. Desde o Concello de Camariñas recoméndase que, se algunha empresa non o vai cumprir, pode renunciar á súa subvención para que outras poidan beneficiarse.
Os gastos subvencionables son a compra de material desinfectante e de limpeza, seguros, suministros (auga, luz, electricidade, combustible…), adquisición de mamparas, arrendamentos de locais, vehículos, maquinaria… Terá que xustificarse que están realizados desde o 1 de marzo ao 31 de decembro de 2020 con facturas e comprobantes de pago.