Cincuenta menores con medidas xudiciais por violencia de xénero incorpóranse ao Proxecto Fénix


A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, desenvolve en Galicia un programa punteiro -Proxecto Fénix- que promove a intervención integral con menores sometidos a medidas xudiciais por exercer violencia de xénero, para a súa reeducación e prevención de futuras condutas violentas. A iniciativa, coordinada pola Asociación Alar Galicia, incorporou no que vai de 2022 un total de 50 rapaces.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e representantes de Alar fixeron nun encontro balance da iniciativa que se incardina no conxunto de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero desenvolvidas en Galicia e conta cunha financiación este ano de 50.000 euros.

Desde 2019 e ata este 2022 o programa foi incrementando o seu número de participantes ata acadar no período os 140 beneficiarios. Susana López Abella puxo en valor “a oportunidade que se brinda a estes rapaces de participar neste programa educativo de sensibilización cara a igualdade de xénero e contra a violencia de xénero”.

Con esta medida, a Xunta de Galicia trata de dar resposta axeitada e previr comportamentos violentos entre a poboación moza. “O proxecto busca eliminar condutas de violencia cara ás parellas ou ex parellas entre os mozos e diminuír as probabilidades de reincidencia”, lembrou a secretaria xeral.

Os menores incorporados ao Proxecto Fénix son derivados a través da Fiscalía de Menores, establecendo unha rede de traballo coa Secretaría Xeral da Igualdade. A idea é levar a cabo o proxecto en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas das fiscalías e xuíces preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores e nos CIEMA que traballan na atención integral aos menores infractores, en especial, aos adolescentes en situación de conflito social.