- Na actualidade participan no proxecto un total de 273 familias de todo o concello
O programa de compostaxe doméstica que desenvolve dende hai seis anos o Concello de Carballo vai camiño de superar os 300 participantes en breve. Dende este mércores está aberto o prazo de solicitude para 50 novos composteiros.
As persoas interesadas poden descargar aquí o impreso de solicitude ou recollelo na Casa do Concello para posteriomente presentalo debidamente cuberto no Rexistro Xeral. Á hora da adxudicación dos composteiros terán preferencia as 13 familias que quedaron en lista de agarda na campaña de setembro, e a partir de aí a asignación farase por orde de solicitude. No caso de que haxa máis peticións que recipientes abrirase unha nova listaxe de agarda para futuras campañas.
Ademais do composteiro, as familias participantes recibirán un manual de uso e unha formación básica.