Circo e teatro cómico volverán ás rúas da Coruña este luns co XXI Festival Manicómicos


O mellor teatro cómico e circo volve as rúas da Coruña da man do Festival Manicómicos, que este ano celebra a súa 21 edición, ofrecendo un total de catorce espectáculos por oito escenarios diferentes da cidade.

O Festival Manicómicos converteuse nunha das citas tradicionais das festas de María Pita, tras un longo percorrido de posta en valor das artes escénicas. Este ano serán catorce os espectáculos que forman o certame e que se representarán no Obelisco, Campo da Leña, praza das Conchiñas, Paseo das Pontes, praza da Tolerancia, parque de Santa Margarida, praza Torrente Ballester e praza de Vigo. 

Durante a celebración, do 15 ao 18, Manicómicos anuncia sorpresas, teatro cómico, circo, calidade e gran espectacularidade. Para iso contará coa participación de compañías e artistas de Galicia, Euskadi, Cataluña, Baleares e Castela-León.

O festival, promovido pola Asociación Cultural Manicómicos, que celebra este ano o seu 18 aniversario; ábrese o luns 15 coas actuacións da compañía Nikita, cun espectáculo de clown e circo; Zanguando Teatro, Kolektivo Kónika, con acrobacias; e a compañía IO, con circo e danza.

O martes 16 actuará a clown Natalia Oureiro “Pajarito”, Zirko Txosco, a actriz e clown Maite Guevara e a compañía Du’K’To, cun espectáculo de circo multidisciplinar. O día seguinte, mércores 17, será MeRe Clown, a compañía Trasla2, con teatro e acrobacia; o clown Javier Ariza e Circ Pistolet, con circo e música en directo; para rematar o día 18 coa gala final do festival, con variedades cómicas e circenses e presenza dos artistas participantes e outros invitados para a ocasión.