Un condutor resultou ferido este xoves pola noite despois de chocar contra un camión cando circulaba en sentido contrario pola A-6, dirección Lugo, á altura de Vilarraso, en Aranga.
Pasadas as 23:15 horas, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que alertaba dun coche circulando en sentido contrario por esa mesma estrada, ao redor do punto quilométrico 547. Pasouse aviso á Garda Civil de Tráfico que axiña localizaron o vehículo e solicitaron, ao mesmo tempo, unha ambulancia para trasladar ao condutor que acababa de accidentarse.
Con todo, ademais do persoal sanitario que trasladou ao ferido ao centro hospitalario de referencia e dos axentes de Tráfico, ata o lugar, desprazáronse os membros do GES de Curtis e o persoal do servizo de mantemento da vía. Os Bombeiros de Betanzos tamén foron informados dos feitos polo 112 Galicia.