Unha decena de nenos e nenas en colaboración coa escola de Artes, o CRA Ponte da Pedra e o Pazo de Vilar de Francos foron os protagonistas este xoves da xornada do día da árbore, onde nun acto simbólico leron un manifesto acompañados dos mestres, o Alcalde de Carballo Evencio Ferrero o Concelleiro de Obras e Servizos Lois Lamas e o de Cultura e Deporte Marcos Trigo.
Lolo, Julia, Manuel, Lía, Malena, Rodrigo, Martiño, Roberto, Martín e Samuel protagonizaron o primeiro acto organizado polo Concello de Carballo para conmemorar o Día da Árbore. A primavera non podía comezar con mellor tempo, o que permitiu que os nenos e nenas se reunisen xunto ao carballo de Vilar de Francos. Algúns non o coñecían e asombráronse da envergadura da árbore, que, malia o seu mal estado, continúa sendo un exemplar impresionante.
Despois da lectura de Samuel, a rapazada, desprazouse ata o Pazo de Vilar de Francos, que abriu as súas portas para que os nenos e nenas tamén tivesen a oportunidade de coñecer outra peza fundamental do patrimonio da súa parroquia. No emblemático edificio do século XVI desfrutaron dun chocolate ben quentiño con churros e o xardín converteuse no seu parque de xogos nesta mañá especial.
