Clases presenciais, máscara obrigatoria e menos distancia para o próximo curso


O Goberno propoñerá ás comunidades autónomas manter o curso que vén as principais medidas de prevención contra a pandemia de coronavirus, como o uso da máscara obrigatoria a partir dos 6 anos e os chamados “grupos burbulla”, pero flexibilizando a distancia de seguridade, que poderá reducirse de 1,5 a 1,2 metros, para poder garantir “a máxima presencialidade para todos os niveis e etapas”. Así consta no documento titulado “Proposta de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte a COVID-19 para centros educativos no curso 2021-2022”, que tanto Sanidade, como Educación enviaron ás comunidades. Trátase dun borrador que se ten que analizar por parte das autonomías e que podería estar suxeito a cambios.