Clasificación e degustación de setas e un obradoiro de cultivo en madeira no Carballo micolóxico


Trátase dunha actividade promovida dende a área de Medio Ambiente do Concello de Carballo, para o sábado 15 de outubro.

Ás 09.30 horas un autobús desprazará aos participantes ata a zona da recollida. As persoas que o prefiran poderán ir no seu vehículo particular. O punto de encontro será o centro social Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa.

Xa pola tarde, e despois dun par de horas para xantar por libre, haberá unha nova xuntanza ás 16.00 horas na Escola de Arrabaldes para a clasificación dos cogomelos recollidos e a posta en común da actividade. Ás 17.30 celebrarase unha actividade novidosa, que consistirá nun obradoiro de cultivo de setas en madeira. Ao remate, sobre as 19.00 horas, haberá unha pequena degustación gastronómica de cogomelos que porá o punto final á xornada e que preparará no restaurante Río Sil.

Nesta estrea de Carballo micolóxico contarase con Jaime Bernardo Blanco Dios, enxeñeiro agrónomo e presidente da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra, que acompañará aos participantes na saída a campo e na selección e clasificación das setas, e tamén con Jesús López Penabad, enxeñeiro técnico forestal e experto no cultivo de shiitake, que amosará o método tradicional xaponés, en madeira.

Podes inscribirte cubrindo este formulario. Hai 40 prazas.