As escolas municipais de teatro e cociña de Ponteceso botarán o peche ata despois do verán cuns actos de clausura aos que está convidada toda a veciñanza.
Os primeiros en despedirse serán os nenos e nenas dos obradoiros de cociña de Corme e Ponteceso. E farano como mellor saben…. Cociñando!
O xoves 6, ás 17:30 horas, o Campo da Feira converterase nunha gran cociña ao aire libre para acoller a celebración do V Pontechef, un concurso gastronómico no que creatividade, orixinalidade e deseño serán os principais ingredientes. Cociña internacional, pratos tradicionais, petiscos divertidos e unha deliciosas sobremesas para chupar os dedos formarán parte do menú que confeccionarán as nosas futuras promesas dos fogóns para despedir por todo o alto o presente curso.

Outros/as artistas que tamén dirán adeus a esta edición serán os e as integrantes da escola municipal de teatro, que o próximo venres 7 clausurarán as súas actividades no Edificio das Escolas cun acto, aberto a toda a cidadanía, que dará comezo ás 18:30 horas. Coa representación da obra “cando as nenas e os nenos voan alto” porán o broche de ouro a un curso repleto de emocións, aprendizaxe e moita diversión. Pero, nesta ocasión, os nosos actores e actrices non estarán sos sobre o escenario. A compañía Elefante Elegante ofrecerá ao longo da tarde un divertido espectáculo teatral visual titulado “Patapatúm”, no que a música dixieland, as máscaras e a fisicalidade dos personaxes proporcionan un universo cómico que viaxa do realismo á hipérbole da nosa vida diaria.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse e obter máis información chamando ao 981 715 442.
