Clausura do ‘Camiño ao emprego’ tras nove meses de actividade

Cedida

  • Vinte persoas de Muxía, Camariñas e Vimianzo prestaron servizos de utilidade pública ou interese social

O obradoiro dual ‘Camiño ao emprego’, un proxecto mixto de emprego e formación subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, cofinanciado polo Ministerio de Empleo y Seguridad Social e promovido polo concello de Muxía, xunto cos cos concellos de Camariñas e Vimianzo, rematou esta semana.

O Salón do Voluntariado de Muxía acolleu este luns o acto de clausura ao que acudiron os rexedores das localidades participantes así coma Javier Campa, xefe do Servizo de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade. Todos destacaron o bo aproveitamento da formación recibida e o bo traballo realizado polo alumnado-traballador.

Este obradoiro de emprego estaba dirixido a mellorar a ocupabilidade de 20 persoas desempregadas dos diferentes concellos, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Durante nove meses impartíronse dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, con 12 alumnos, e promoción turística local e información ao visitante con 8 alumnos. Tamén se impartiu formación complementaria en materia de prevención de riscos laborais, xestión empresarial, alfabetización informática, formación para a igualdade e sensibilización ambiental.