Clausurada a XXXIX edición da Festa da Pataca de Coristanco

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron este domingo á XXXIX Festa da Pataca de Coristanco. Alí destacaron a importancia deste produto senlleiro do agro galego e, en xeral, de toda a produción agroalimentaría da nosa comunidade, como factores de desenvolvemento e impulso das economías rurais. Salientaron tamén a relevancia deste evento festivo como elemento de promoción e de posta en valor do tubérculo galego.

Por iso, engadiu o director xeral, un dos eixos fundamentais de traballo da Consellería do Medio Rural é a defensa, fomento e promoción da calidade dos nosos produtos, en especial dos amparados por denominacións de orixe (DO) e por indicacións xeográficas protexidas (IXP). Tal é o caso –lembrou José Balseiros– da pataca de Galicia, que conta cunha IXP propia e precisamente o municipio de Coristanco forma parte do territorio amparado por esta indicación, salientou o director xeral.

Medio Rural patrocina esta celebración, que se desenvolve dende o pasado venres, cunha achega de 12.000 euros. O programa de actos desta edición inclúe xornadas técnicas, exposición de maquinaria, obradoiro de cociña, degustacións, actuacións musicais, xogos populares e o tradicional desfile de tractores engalanados, a gran referencia desta festa.

IXP Pataca de Galicia
Precisamente a comarca de Bergantiños é unha das subzonas de produción da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, xunto coas de Terra Chá, A Mariña e a de Lemos na provincia de Lugo e a da Limia na de Ourense.

Un selo de calidade que o pasado ano facturou case 6 millóns de euros ao producir algo máis de 5.900 toneladas de pataca certificada. Unha cantidade froito do traballo de 74 produtores rexistrados que contan con case 300 hectáreas de superficie de produción. Este domingo tivo lugar a clausura, logo de tres días intensos de actividades a cerca do tubérculo rei.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha