A atracción das festas de Sarria que na noite do sábado provocou mancadelas en seis cativas está precintada pola Policía Local e só un certificado técnico que garante a seguridade permitirá que volva funcionar. O asunto está no xulgado e as rapazas feridas xa se atopan na casa.
A atracción ten forma de pequeno tren, e ao frear de súpeto os ocupantes toparon violentamente contra a barra de suxección.
As afectadas resultaron danadas nos beizos e no nariz, e tamén no peito e no estómago. Deseguida foron atendidas no centro médico da localidade e posteriormente dúas delas foron ata o hospital de Lugo para unha revisión máis en profundidade. As lesións que sufriron son leves e as cativas xa están na casa.
Segundo as primeiras impresións, a documentación presentada pola atracción é a axeitada. Non foi posible contactar cos responsables do carrusel para que desen a súa versión dos feitos.