- As tres administracións locais acaban de recibir unha axuda de 346.000 euros para unha nova acción formativa
Vimianzo, Camariñas e Muxía clausuraron este martes o programa ‘Xuventude polo emprego’ coa mirada posta no seguinte obradoiro xa que a Xunta acaba de conceder aos tres municipios unha subvención de 346.946 euros para realizar outra iniciativa formativa.
Esta axuda permitirá poñer en marcha ‘Camiño ao futuro’, un taller de emprego para 20 alumnos e alumnas que se especializarán na conservación e mellora de montes, así como en pavimentación e albanelería de urbanización. Terá unha duración de 9 meses. Entre os obxectivos das actuacións a realizar destacan os mantementos no monte Covadiña de Camariñas; a conservación e mellora de zonas axardinadas de Quintáns, Viseo e Caberta, en Muxía; a actuación forestal e de xardinaría no polígono industrial de Vimianzo, así como no campo da festa de Bamiro, na parcela Ínsua e na área recreativa do Val; o acondicionamento da praza Insuela, en Camariñas; ou as actuacións de albanelería de urbanización na sala de máquinas da piscina municipal de Vimianzo.
As alcaldesas de Vimianzo e Camariñas, Mónica Rodríguez e Sandra Ínsua, e o rexedor de Muxía, Iago Toba, acudiron a un acto no que estiveron presentes a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela, e o delegado territorial Gonzalo Trenor. Este obradoiro permitiu formar a 16 mozos e mozas incluídos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. O acto tivo lugar na Casa da Cultura de Vimianzo.
A sede do obradoiro ‘Xuventude polo emprego’ estivo en Vimianzo, pero as prazas repartíronse de xeito equitativo entre os tres municipios. ‘Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web’ e ‘Instalación de elementos de carpintería’ foron os módulos a realizar polos alumnos, que contaron cun contrato de traballo durante a súa formación desde o 15 de setembro de 2020 ao 14 de setembro de 2021
Mónica Rodríguez subliñou «o éxito da fórmula que combina formación cunha experiencia que se achega nun alto grao á presenza no mercado laboral», mentres que o alcalde de Muxía plantexou unha reflexión referida á unión, asegurando que cando as persoas traballan en equipo os resultados «sempre son positivos». Toba agradeceu tamén o traballo das Axentes de Desenvolvemento Local, que fixeron posible que este obradoiro saíra adiante, algo que tamén compartiu a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, agradecendo a implicación de «todos os axentes participantes».