No encontro, celebrado este venres, presentouse a proposta, apoiada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego Costa da Morte, para a construción dunha canle de augas bravas debido ás características do río Xallas ao seu paso por Dumbría. A posta en marcha deste proxecto xeraría, ao igual que pasou noutros casos, diferentes oportunidades de emprendemento e ideas de negocio ao redor do mesmo. Para contribuír a este desenvolvemento analizouse no encontro a situación actual e elaboráronse posibles propostas de futuro.
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, convidou ás persoas asistentes a “aproveitar as oportunidades e recursos da Costa da Morte para poñer en marcha negocios viables que repercutan directamente na economía local”. Animou a empregar os servizos do Polo Costa da Morte con sede en Coristanco, como integrante da rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Consellería de Promoción do Emprego está a despregar por toda a xeografía galega e que desde o seu estreo, o ano pasado, xa apoiaron máis de 150 proxectos empresariais e celebraron máis de 500 sesións de titorización a futuros emprendedores.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na clausura, afirmando que os polos constitúen unha das principais actuacións da estratexia de emprego de Galicia Xempre Contigo, que avoga por avanzar na consecución dun mercado laboral mellor, máis preparado e interconectado, no que o emprendemento no territorio resulta clave polos beneficios que reporta na poboación e nas contornas para xerar emprego e fixar poboación.