As persoas desempregadas que participan nestes programas -desenvolvidos por concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo. Unha vez remata o obradoiro, teñen oportunidade de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.
Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado da alcaldesa da vila, María Barral, visitou o obradoiro de emprego dual de Betanzos, que este ano formou a 20 persoas en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Estes obradoiros permitirán que un total de 212 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de emprego para persoas mozas de 12 meses.