Clausurado o obradoiro de emprego dual ‘Obradoiro Lubiáns’, de Carballo e Coristanco

3 minutes read

Tátase dunha iniciativa que recibiu unha achega de case 324.000 euros por parte da Xunta de Galicia, incluíndo incentivos para promover a contratación en empresas da contorna. A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou este venres nesta clausura e puxo de relevo a cualificación profesional que recibiron as 15 persoas participantes ao tempo que desenvolveron un traballo efectivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Neste caso, formáronse e traballaron en beneficio dos seus respectivos municipios nas modalidades de montaxe e instalación de construcións de madeira e na de montaxe de moble e elementos de carpintaría, cos conseguintes beneficios de cara á súa empregabilidade.

En concreto, ao longo de nove meses, o alumnado traballador centrouse na dotación e renovación de mobiliario interior dos centros sociais das parroquias de Bértoa, Entrecruces e Verdillo, no caso de Carballo; e dos de Cereo, Erbecedo e Oca, xa en Coristanco. A maiores, encargóuselles na parroquia carballesa de Artes unha pérgola para o exterior da escola unitaria e, en Coristanco, tanto un peche perimetral para o pavillón deportivo do CPI Alcalde Xosé Pichel como unha pérgola no exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba.

Promo apoio a empresas para contratación de persoal do ‘Obradoiro Lubiáns’._Concello de Carballo_.

“Estamos a clausurar un obradoiro carpintería que probablemente foi o mellor dos que se celebraron en Galicia pero que sen dúbida foi o mellor dos que se celebraron no noso concello”, manifestou Evencio Ferrero. O alcalde de Carballo presidiu, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Obras, Urbanismo e Medio Ambiente de Coristanco, Enrique Tasende, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, o Obradoiro Lubiáns, a primeira experiencia conxunta de formación para o emprego entre os dous concellos, aínda que todo apunta a que non será a última.

Nese sentido, o concelleiro de Coristanco xa anunciou que está en fase de elaboración un novo proxecto. Enrique Tasende destacou o gran traballo realizado por profesorado e alumnado, do que puxo como exemplos máis destacados o peche en madeira do pavillón polideportivo do CEIP Xosé Pichel e a cuberta do Museo da Pataca, “que agora si que parece un museo”, declarou. E sobre todo agradeceu a participación do Concello de Carballo, que cualificou como imprescindible para Coristanco.

O alcalde de Carballo, que destacou a calidade do traballo realizado e a implicación de alumnado, profesorado e persoal técnico, expresoulles os parabéns “sinceros e agradecidos pola entrega, a responsabilidade e a profesionalidade” que demostraron. De feito, o Obradoiro Lubiáns superou as expectativas, e non só se cumpriron os obxectivos académicos e prácticos, coa fabricación de mobiliario para os centros sociais de Verdillo, Bértoa, Artes e Entrecruces, senón que foi máis alá.

O Obradoiro Lubiáns foi un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros e no que puideron formarse na especialidade de carpintaría de madeira 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco. A directora xeral destacou a colaboración interinstitucional e lembrou que ata o domingo 14 está aberto o prazo para que as empresas interesadas en contratar ás persoas formadas no obradoiro soliciten os incentivos de 1.500 euros establecidos pola Xunta.

Cómpre engadir que, dentro destes obradoiros duais, o Goberno galego subvenciona os gastos da posta en marcha e desenvolvemento do taller e dos custos de contratación tanto das persoas participantes, como do persoal directivo, docente e de apoio. De cara á selección de alumnos-traballadores, priorízase a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.