Clausurado o proxecto de cooperación ‘Paisaxes Intelixentes’ en colaboración cos GDR

Reunión GDRs-2019_ Archivo.

Esta iniciativa chegou este mércores a súa fin tras executar as súas actividades entre o pasado ano e o presente. Nesta xornada final, celebrada en Muxía, compartíronse cos asistentes a visión global deste proxecto, os seus obxectivos previstos e aquelas accións que se levaron a cabo na Costa da Morte nos últimos meses.

Así, nesta acción de cooperación participaron os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, Ribeira Sacra-Courel, Comarca de Ordes, Terras de Compostela e a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa. Tamén colaboraron no desenvolvemento do proxecto outras tres entidades: unha asociación, unha fundación e un monte veciñal en man común.

Deste xeito, e dada a temática do proxecto, promovéronse as figuras de mobilidade da terra agraria como mecanismos clave para recuperar a paisaxe, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. Así, ao longo da tarde sucedéronse diferentes faladoiros impartidos por representantes dos GDR, que presentaron o proxecto e explicaron o seu funcionamento. O orzamento total do proxecto foi de 166.600 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural.

Alfredo Fernández, subdirector de Mobilidade de terras e representante da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, clausurou o evento poñendo en valor a importancia de iniciativas coma estas, que contribúen á dinamización do rural galego.

Precisamente, este proxecto de cooperación enmárcase dentro das convocatorias de axudas para proxectos de cooperación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, co obxectivo de que os 24 grupos de desenvolvemento rural colaboren entre si con proxectos que teñan intereses comúns e que favoreza a aprendizaxe mutua e busca de solucións comúns aos problemas concretos que se abordan. Na última convocatoria para o ano 2022-2023 destinouse preto de un millón de euros para este tipo de iniciativas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha