A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou na clausura e entrega de diplomas aos 20 participantes no obradoiro dual de emprego Realización de mobiliario urbano e restauración de zonas verdes municipais celebrado en Oleiros.
No acto, no que tomou parte o alcalde da localidade, Ángel García Seoane, a directora xeral felicitou ás alumnas e alumnos que durante nove meses puideron especializarse en traballos de carpintería e moble e en actividades auxiliares para acometer en viveiros e xardíns, adquirindo unha aprendizaxe, que como indicou Lado, puideron aplicar “en actuacións que deixan unha pegada visible e positiva na contorna, para o desfrute de todos os veciños e veciñas”.
O taller clausurado permitiu, así, fabricar bancos e papeleiras de mobiliario urbano para a contorna do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, un faladoiro de madeira na rúa da Paz en San Pedro de Nós, e tamén elementos de xogo en madeira para alumnado de educación infantil e primaria deste municipio.
Tamén se restauraron zonas verdes na contorna da Finca Tenreiro de Oleiros e nos parques 13 Rosas e José Luis Sampedro, no Bosque dos Veciños e no estanque do CEIP A Rabadeira.