Co remate da parcelaria de Budiño, queda concentrada o 70% do Concello do Pino


O 70% da superficie do concello do Pino xa está concentrada, tras finalizar un total de 12 procesos de reestruturación parcelaria. Así o subliñou o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a entrega de 697 títulos de propiedade da zona de Budiño, dando así por rematado este proceso que supuxo a reorganización de case 700 hectáreas e un investimento público de case 1,4 millóns de euros. Grazas a estes procesos mellórase a estrutura da propiedade, o que permite aumentar a base territorial das explotacións da zona e diminuír os seus custos de produción. Neste senso, José González sinalou que coa reorganización desta zona, pasouse de 4.983 predios a case 700 fincas, multiplicando case por oito a superficie media das parcelas resultante. Así, pasouse de 1.400 m² a case 11.000 m² de superficie media, o que evidencia a utilidade destes procesos. Esta entrega súmase ás xa realizadas nos concellos de Touro e Coristanco, na provincia da Coruña, de Riotorto e Castro de Rei, na de Lugo, e de Baltar, na de Ourense.