Coa Tarragona, a reurbanización de Carballo ofrece case 40 rúas con plataforma única

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron un percorrido pola renovada vía_Cedida.

Veñen de rematar as obras da rúa Tarragona en Carballo nunha actuación que afectou a un tramo de 31 metros de lonxitude, que incluíron a demolición de parte dun edificio que estaba fóra de ordenación, e que se suman aos máis de 5 quilómetros de plataformas únicas que hai xa na zona urbana repartidos en case 40 rúas.

Segundo fontes municipais o obxectivo é ‘modernizar os servizos urbanísticos, procedendo á súa renovación ou a súa instalación onde non existen’. Neste caso, a obra permitiu solucionar as eivas existentes, dotando a rúa de redes de abastecemento de auga, saneamento, augas pluviais, canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica, redes de gas e telecomunicacións.

Matiz do PP local

Pola súa banda o PP local fai unha morna crítica ao respecto no referente a esa zona de Carballo, onde matiza que dous anos despois de rematar as obras da rúa Barcelona, seguen instaladas varios valos de obra que, segundo os populares, ‘pouco contribúen á boa estética da rúa e que é evidente que non cumpren co seu obxectivo de protexer as zonas verdes cada día máis deterioradas’.

Estado da intersección das rúas Barcelona e Tarragona.