Cobra forza a hipótese dunha orixe fortuita na investigación do incendio de Vigo

1 minutes read

As policías científica e xudicial traballaron arreo recollendo indicios para reconstruir a orixe do incendio do número 6 da rúa Alfonso X de Vigo.

De momento, só confirman que o lume se orixinou no cadro de luces do portal, un sistema eléctrico presuntamente manipulado e que no pasado xa dera algún susto. A presencia no vestíbulo dunha moto e doutros enseres puido acelerar a propagación das lapas.

A versión da orixe fortuita cobra forza, a pesar do que sosteñen algúns dos veciños que este xoves se concentraron ás portas do hospital de POVISA. Apuntan a un antigo inquilino que tería prometido vinganza tras ser expulsado do inmoble.

A Sociedade Xitana Española vaise persoar no caso. O seu presidente, Sinaí Giménez, desvelou que «imos pedir cadea perpetua revisable para os supostos autores. Temos probas e testemuñas presenciais que dixeron que viron sair un grupo de persoas con garrafas de gasolina».

Pero segundo fontes policiais citadas por algúns medios, non se atoparon acelerantes do lume nin rastros de lapas nos pisos superiores.