Coches sen fume de tabaco e os riscos de fumar ao volante


Recentes investigacións, no seo da Comunidade científica, veñen a demostrar os devastadores efectos que o fume do tabaco produce naqueles que viaxan no interior dun coche, onde se fumase ou se estea fumando. Estes son aínda máis devastadores no caso dos máis pequenos, máis vulnerables e cuxa saúde debería ser prioritaria en todas as nosas accións.

Existe a falsa crenza de que os portelos abertos solucionan o problema, nada máis lonxe da realidade. A permanencia das partículas tóxicas é, segundo os expertos na materia, de ata 10 días. Tapicería e moqueta absorben substancias nocivas e canceríxenas e, estas pasan a estar en contacto directo con aquel que as utilice.

Desde a Asociación española de Pediatría e tendo en conta a experiencia clínica do Dr. J A Ortega, apúntase a observación en menores ingresados na UCI durante estancias prolongadas, da existencia de altos niveis dun metabolito do tabaco coñecido como cotinina, en ouriños. Os pais non fumaban no hospital, pero os restos na roupa dos pais con quen entraba en contacto ao abrazarse, expoñíalles aos restos do tabaco. Exposición que aumenta exponencialmente no interior dun coche.

Datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), apuntan ata un 30% de mortes en menores por tabaquismo pasivo. Ademais, os fillos de pais fumadores teñen ata 4 veces máis posibilidades de desenvolver cancro en idade adulta. Co obxectivo de chegar á prohibición e concienciación, a Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (SESPAS) pedía a prohibición expresa de fumar dentro dos coches, modificando a lei anti tabaco debido a que, hai estudos que demostran que esta lei, aínda que conseguiu reducir os niveis de nicotina en adultos non fumadores, non sucede o mesmo cos nenos. Segundo Florentino Pérez, presidente do Consello Xeral de Enfermería, estes continúan no alto risco, fumar medio cigarro no interior dun coche xera unha contaminación 10 veces superior aos límites considerados perigosos para a saúde.

Para máis inri, o fumar dentro dos vehículos afecta tamén de forma notable á seguridade viaria. O acto de acender un cigarro é un risco pois distrae, se ademais engadímoslle a posibilidade de que che caia cinza ou queimarche, xa temos o cóctel Molotov da perda do contacto visual na estrada, causante da abafadora cifra do 60% dos accidentes de tráfico.

Por último, e non menos importante, existe a posibilidade de incendios forestais provocada por aqueles que lanzan cabichas polo portelo. En definitiva, poñerse ao choio e encarar o problema coa importancia que merece faise indispensable para a mellora e avance da nosa sociedade, en materia de saúde e seguridade.

Autor.- Alejandro Luís Otero Jamardo.