‘Cociñando relacións’, o proxecto que promove a igualdade en Muxía, remata con éxito

Remata a iniciativa "Cociñando relacións"_Concello de Muxía

  • Desde o goberno local sinalan que “as portas están abertas cara a celebración dunha nova edición”

No Concello de Muxía rematou o proxecto ‘Cociñando relacións’, unha iniciativa desenvolvida polo goberno local e o Centro de Información á Muller para concienciar á xuventude sobre a igualdade de xénero, fomentando a autocrítica e a reflexión persoal.

O programa conformouse a través de tres actuacións: “Entre fogóns falamos de relacións”, onde se traballaron os conceptos básicos de socialización ou identidade de xénero e se puxo en práctica unha actividade para realizar as tarefas do fogar de xeito equitativo; “Receitas de sororidade”, desde onde se abordaron, entre mulleres, os conceptos básicos de igualdade de oportunidades, a capacidade de dicir non ou o recoñecemento da violencia de xénero; e, por último, “Pinchos do botrato”, que tivo lugar no instituto Ramón Caamaño e onde se fixo fincapé na ruptura dos roles e estereotipos de xénero como factores causantes das desigualdades.

Tras o remate deste proxecto elaborarase un “Receitario do botrato” que se achegará á poboación en forma de axenda, onde se verán plasmadas imaxes do proxecto e a reflexión de todas e todos os participantes.

Desde o goberno local destacan a “exitosa convocatoria que tivo este programa”, polo que “as portas están abertas de cara a celebración dunha nova edición”.