A entidade desenvolve unha campaña para dar a coñecer os recursos de orientación, formación e acompañamento laboral entre a xente nova con discapacidade.
En Galicia hai 11.205 persoas con discapacidade de entre 16 e 29 anos, segundo os datos do censo da Xunta. Pola súa banda, na bolsa de emprego de COGAMI están inscritas 870 persoas con discapacidade de entre 18 e 29 anos.
Moitas persoas novas con discapacidade descoñecen que existen servizos especializados que lles poden axudar a definir o seu itinerario profesional e facilitar o acceso ao mercado laboral.
Co obxectivo de achegar estes recursos á mocidade, COGAMI puxo en marcha unha campaña para dar visibilidade ao seu Servizo de Emprego e aos recursos de formación, orientación e acompañamento laboral que ofrece a este colectivo.
Esta semana, a orientadora laboral que atende os concellos de Sada e Bergondo, Yolanda Grandal, colocou carteis informativos na Casa da Cultura de Bergondo e no espazo ONIX de Sada. Con esta acción, COGAMI busca achegar a información á mocidade destes municipios e animar as persoas novas con discapacidade a coñecer e aproveitar os recursos dispoñibles para impulsar o seu futuro profesional.
