COGAMI aprecia un lixeiro aumento na contratación de persoas con discapacidade con respecto a anos anteriores


O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) leva orientadas durante este primeiro trimestre do ano a 1.088 persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida para a profesión habitual.

Destas persoas orientadas, 402 foron dadas de alta no servizo e entraron a formar parte dunha base de datos que arestora conta con 20.458 persoas inscritas, das que o 35% están traballando e o 65% están en situación de desemprego. Polo tanto, contase arestora na base de datos con 13.397 persoas que demandan un posto de traballo. Durante este primeiro trimestre do ano, segundo datos que manexa o SIL de COGAMI, houbo 559 persoas inseridas no mercado laboral galego (306 homes e 253 mulleres), un dato que supón un aumento dun 3,34% con respecto ao ano anterior.