COGAMI atendeu a 80 mulleres con discapacidade a través dun servizo especializado en Galicia

1 minutes read

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve dende inicios de ano un Servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade, co obxectivo de responder ás súas necesidades, especialmente das que se atopan en risco tras vivir situacións de violencia na contorna familiar, doméstica ou institucional.

Este recurso, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade, prestou atención directa a un total de 80 mulleres con discapacidade entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto deste ano. Todas elas foron acompañadas por profesionais de traballo social nos centros que COGAMI ten nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Lugo.

O servizo ofrece información, orientación, asesoramento e, cando é necesario, intervención tanto coa persoa como coa súa contorna familiar. O obxectivo é que as mulleres atendidas poidan acadar unha maior autonomía persoal, mellorar a súa situación social e avanzar na súa inserción laboral. Estas intervencións realízanse tanto de forma individual como en grupo, e están centradas na adquisición de habilidades sociais e persoais, así como na mellora das competencias para a empregabilidade.

A realidade social amosa que as mulleres con discapacidade seguen a estar expostas a múltiples formas de discriminación: maiores taxas de desemprego, salarios máis baixos, dificultades de acceso a servizos sanitarios e educativos, e maior risco de sufrir violencia ou abusos. A través deste servizo, COGAMI busca previr estas situacións, fomentar o empoderamento persoal das mulleres e promover a súa participación activa na sociedade e no mercado laboral.