COGAMI avoga por unha oferta turística e de lecer accesible a todas as persoas

1 minutes read

A entidade dedica o mes de setembro ao turismo e lecer inclusivos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, lanzada este ano polo 30 Aniversario da Organización

A piques de rematar a tempada alta do turismo de vacacións, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) pon o foco de atención na necesidade de contar cun turismo e un lecer inclusivos que permita ser gozado por todas as persoas, en igualdade de condicións e sen limitacións.

O 9% da poboación española ten discapacidade, só en Galicia hai censadas 235.451 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e destas, o 65% comprende idades entre os 16 e 74 anos. Con estes datos, COGAMI sinala que adaptar o turismo tendo en contaa diferentes necesidades suporía non só un factor de inclusión social, senón tamén unha oportunidade para o sector turístico, cun aumento de cota de mercado potencial de clientela a nivel mundial. “O turismo accesible non é só un hotel e un transporte accesible, supón tamén poder acceder a un museo, a unha cafetería, a unha praia ou a un paseo pola natureza en igualdade de condicións que o resto das persoas”, apunta o presidente da entidade, Anxo Queiruga.

Durante este mes de setembro, COGAMI dedica a campaña 12 Chaves da Inclusión ao turismo e o lecer inclusivos, co fin de facer un chamamento a todos os concellos e ao sector turístico que aínda a data de hoxe, carecen de espazos adaptados. “Promocionar o turismo e o lecer inclusivos benefician a toda a comunidade, non só ás persoas con discapacidade, tamén ás empresas do sector porque a súa clientela verase incrementada. Ademais unha persoa cando se sente cómoda na súa viaxe ou nunha actividade, repite experiencia”, aclara Queiruga.