COGAMI busca persoas voluntarias que colaboren no Centro Residencial e de Día de Arteixo

2 minutes read

O Centro Residencial e Centro de Día de Arteixo lanza unha campaña na que busca a colaboración de persoas voluntarias para acompañar nas actividades que se desenvolven para mellorar a calidade de vida ás 99 persoas usuarias e/ou residentes do centro que xestiona COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

As persoas interesadas poden contactar co centro a través do teléfono 981 11 92 40 en horario de 11:00 a 13:00 horas, de luns a venres.  Tamén aquelas persoas que o desexen poden cubrir a solicitude que se atopa na páxina web www.cogami.gal.

Denominado ACOMPÁÑA-M, este programa de voluntariado, encadrado no Plan de Voluntariado 2023-2026 da Confederación, convida á participación das persoas que residan no concello de Arteixo e limítrofes, co obxectivo de promover a cultura da solidariedade e establecer novas oportunidades de participación.

A través de ACOMPÁÑA-M preténdese fomentar a participación das persoas usuarias nas actividades comunitarias onde se localiza o Centro Residencial e de Día, ademais de abrir este centro á comunidade, promovendo as relacións interxeracionais e intercomunitarias e favorecendo o coñecemento mutuo, o respecto, o sentimento de pertenza así como a motivación e a autoestima tanto das persoas maiores como das voluntarias.

O voluntariado no Centro Residencial e Centro de Día de Arteixo consistirá nunha colaboración no desenvolvemento de actividades lúdicas e xogos ademais do acompañamento durante paseos, excursións, visitas, entre outras, podendo levarse a cabo de maneira puntual ou continuada. En definitiva, ser unha persoa voluntaria neste programa significa compartir experiencias, traballar en equipo e medrar en compaña.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?