- Reclámalle ás administracións un maior compromiso coas persoas que sofren algún tipo de discapacidade
Decembro é o mes dedicado á discapacidade por ser o día 3 o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Este mes tamén é o elixido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para facer un chamamento a toda a sociedade e ás administracións sobre a desigualdade coa que conviven as persoas con discapacidade. “Se ben melloramos en moitos aspectos, aínda queda moito para poder vivir en igualdade de oportunidades e non discriminación”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
A entidade, con motivo do seu 30 aniversario, lanzou a campaña 12 Chaves da Inclusión co obxectivo de visibilizar os problemas cotiáns que sofren estas persoas, e tamén para reclamarlle ás administracións que se involucren máis para que a xente con discapacidade poida exercer os seus dereitos.
Unha das necesidades máis urxentes para COGAMI é que a Administración axilice os procedementos que valoran o grao de discapacidade, xa que o seu retraso impide acceder aos recursos, sobre todo ás persoas con discapacidade orgánica, prexudicadas pola existencia do actual baremo de valoración que precisa unha actualización inmediata.
Malia a recente modificación legal que reintegra o dereito de sufraxio activo a todas as persoas que xudicialmente lles fora privado, o dereito ao voto segue a ter obstáculos para poder exercelo. Entre os factores condicionantes tamén se atopan a falta de accesibilidade nos locais electorais, a falta de transporte público adaptado para desprazarse ata a mesa electoral ou a reserva de espazos que permitan o segredo do voto.
COGAMI e as súas 55 entidades membro traballan polo cumprimento da lexislación, asesorando ás persoas con discapacidade e denunciando cando estes dereitos son vulnerados. Así, onde máis se detectan os problemas de inclusión é dentro do grupo de persoas maiores de 45 anos, sobre todo entre as mulleres que viven no rural, debido a que a oferta de servizos é menor e a que a súa dispersión xeográfica dificulta aínda máis a accesibilidade.