- As etapas da infancia e xuventude son unhas das máis discriminadas dentro do grupo social das persoas con discapacidade
COGAMI, a través da campaña 12 Chaves da Inclusión lanzada este ano polo seu trinta aniversario, dedica o mes de novembro para reclamar dereitos para as nenas, nenos e adolescentes con discapacidade.
En Galicia hai 7.245 menores con discapacidade con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, segundo datos da Xunta de Galicia, tendo o 10% destes mobilidade reducida. “As nenas e nenos con discapacidade viven moitas situacións discriminatorias que vulneran os seus dereitos fundamentais motivadas pola invisibilidade, pola escaseza de apoios que colaboran na súa autonomía persoal e escolarización, e tamén a causa dunha sobreprotección familiar”, expresa o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
Unha destas situacións discriminatorias preséntanse nos parques infantís, espazos socializadores, de xogo e diversión que, aínda que na actualidade son cada vez máis os concellos que toman conciencia de facelos inclusivos, aínda hai moitos máis que lles impiden o xogo a nenas e nenos con discapacidade.
Con respecto á etapa escolar, as e os menores con discapacidade atopan máis dificultades no exercicio do seu dereito ao estudo que engloban dende os desprazamento ata os centros educativos, falta de accesibilidade nas instalacións, escaseza de monitores e profesores de apoio e de axudas técnicas.
“Temos que traballar para que as políticas educativas sexan máis inclusivas, para que conten con máis recursos e con máis apoios para aquelas nenas e nenos que os necesiten”, apunta Queiruga.