Neste primeiro semestre do ano 2023, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade estase a apreciar un descenso no número de ofertas de traballo lanzadas polas empresas galegas para a contratación de persoas, o que desencadea unha baixada no número de insercións con respecto ao ano anterior.
Durante o ano pasado, o servizo de Emprego de COGAMI captou 549 ofertas remitidas polas empresas que concluíron coa contratación de 873 persoas realizadas a través deste servizo. Dende inicios deste ano a día de hoxe, rexistráronse 433 ofertas de emprego remitidas polas empresas, un 21% menos que repercutiu tamén no número de persoas contratadas, rexistrando unha baixada do 16%: no que vai de ano foron contratadas 730 persoas, 143 menos que no ano pasado por estas datas.
Segundo a coordinadora da área de Emprego, Mª Carmen Ínsua, esta diminución nas ofertas lanzadas polas empresas están relacionadas coa actual reforma laboral e a modificación nos contratos de traballo. Apunta Ínsua que, entre outros factores, “a modalidade fixo descontinua incrementou como alternativa á contratación temporal nas empresas, o que provoca que xurdan incompatibilidades á hora de acceder ás bonificacións á Seguridade Social, incluso no período de inactividade, que limitan as posibilidades de mellora con novas oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, xa que as empresas terían que agardar un tempo para acollerse a estas bonificacións”.
Dende a entidade reivindican a necesidade de que o empresariado conte co talento das persoas con discapacidade e o inclúa nos seus cadros de persoal.